Thursday 25 de April de 2024

Feijóo subliña o compromiso da Xunta por que a recuperación económica se traduza en termos de benestar e emprego


Destaca que neste momento comeza “unha nova etapa de solvencia económica, de crecemento económico continuado e de benestar”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou o compromiso da Xunta por que a recuperación económica se traduza en Galicia en termos de benestar e emprego; e, cara este obxectivo, dixo, están encamiñados os orzamentos para o ano 2016 que se aprobarán o vindeiro luns. Así o manifestou na entrega do III Premio á Excelencia Empresarial que o Club Financeiro de Santiago entregou aos irmáns José e José Alfredo González Fuentes, fundadores da empresa Egasa XXI.

Do mesmo xeito o presidente valorou este tipo de actos como unha “forma de recoñecer o esforzo e de poñer nomes e apelidos ao esforzo” das galegas e dos galegos que “fixeron posible o que ata hai poucos anos parecía imposible”, en relación á “solución da recesión económica”.

Segundo asegurou, os datos económicos dos sete últimos trimestres acreditan que estamos nunha fase distinta na que cómpre “trasladar eses resultados deste novo período as persoas que aínda están afectadas pola recesión económica”, aos que definiu como os “verdadeiros depositarios das posibilidades que temos nesta fase inicial da recuperación”.

As familias sen recursos, no primeiro plano da xestión
Feijóo destacou que neste momento comeza “unha nova etapa de solvencia económica, de crecemento económico continuado e de benestar” e salientou o compromiso da Xunta coa política social reflectido nos Orzamentos para 2016, “uns orzamentos por primeira vez expansivos” que disporán de 400 millóns de euros máis para destinar ao apoio a colectivos que máis o precisen.

E, na mesma liña, avanzou medidas que vai aprobar a Xunta neste sentido, como a axuda de cen euros ao mes para cada neno que naza a partir do 1 de xaneiro en función da renda per cápita; o bono de gardería e de coidador no rural para axudar ás familias que queiran levar os seus fillos a unha escola infantil; a bonificación no gasto de medicamentos para as familias con baixos salarios, os parados sen prestación ou preceptores da Risga; ou, por exemplo, o programa para evitar cortes de luz por impagamento nos fogares sen recursos, ou para evitar os desafiuzamentos.

Ademais, engadiu que se trata de medidas complementarias a outras iniciativas de estímulo económico para que a recuperación se traduza tamén en vantaxes fiscais como a rebaixa de impostos para que conte cun dos IRPF máis reducidos de España, a exención do pago do imposto de Sucesións de Doazóns para o 99% dos galegos, ou o imposto cero no rural na compra ou permutación dun terreo agrario ou forestal.

Cara o final do seu relatorio, o presidente gabou aos os irmáns José e José Alfredo González Fuentes porque “o mundo é para os que toman decisións”. E subliñou deste xesto a importancia de Egasa XXI, “unha empresa de 2.300 traballadores, con máis de 30 anos de historia e con presenza en sete países do mundo”.